A Galicia correspóndenlle máis de 450 millóns de euros do Fondo Tecnolóxico Europeo para o período 2007-2013, que se destinarán a impulsar o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia baseado na investigación e mais na innovación, por ser un dos obxectivos prioritarios e transversais que comparten tódalas consellerías da Xunta.
Na inaguración da xornada participarán Javier Guerra, conselleiro de Economía e Industria, e Maurici Lucena, director xeral do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Estas xornadas van dirixidas aos axentes do Sistema galego de Innovación: universidades, centros tecnolóxicos, organismos públicos de investigación, organismos de intermediación, e ás empresas, por ter todos eles un papel protagonista na tarefa de implantar unha nova estratexia común de desenvolvemento económico baseada na I+D+i.
A Consellería de Economía e Industria organiza, como acto central do Ano Europeo da Creatividade e da Innovación en Galicia, a Xornada
"Colaborar para innovar: asoportunidades do Fondo Tecnolóxico Europeo para Galicia" , que terá lugar o próximo 16 de setembro no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela.
Coa celebración destes encontros o departamento que dirixe Javier Guerra ten o obxectivo de estimular a participación galega nos programas estatais que xestionan o Fondo Tecnolóxico, presentando aos axentes do Sistema Galego de Innovación os instrumentos a través dos que poden optar a el, así como os servizos de apoio cos que poden contar por parte das administracións, ao mesmo tempo que achegará aos participantes na mostra exemplos de proxectos de I+D+i galegos que xa conseguiron financiamento a través do Fondo Tecnolóxico.
Polo momento, 39 empresas galegas beneficiaronse deste financiamento, a maioría delas a través de proxectos xurdidos das plataformas tecnolóxicas galegas, consumindo 8,4 millóns de euros deste fondo. Co obxectivo de incrementar esta participación, a Consellería de Economía de Industria organiza esta xornada en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).
CDTI, que é un dos organismos que maior dotación deste fondo xestiona, exporá os instrumentos que pon a disposición da industria para vehicular o fondo: os tradicionais proxectos individuais de I+D e as modalidades novas de proxectos integrados, proxectos de cooperación tecnolóxica entre PEMES e proxectos de cooperación interempresas nacional.
Pola súa banda, a Xunta de Galicia que subscribiu un acordo de colaboración con CDTI para estimular a participación galega nos programas de axuda estatais e internacionais e difundir a transferencia da tecnoloxía desenvolvida en Galicia, explicará os instrumentos de apoio da Xunta de Galicia para facilitar a participación dos axentes do Sistema Galego de Innovación no Fondo Tecnolóxico.
Celebrarase ademais
unha mesa redonda con representantes de cinco proxectos galegos financiados a través de CDTI con cargo ao Fondo Tecnolóxico europeo na que se exporán as características destes para que sirvan como modelo para o resto de entidades que poderían optar á presentación de proxectos. Por outra banda, o programa tamén reserva un espazo para os organismos de intermediación como dinamizadores da I+D+i. Centros e parques tecnolóxicos, redes, clústers, asociacións ou confederacións propician a interacción entre o contorno científico e o tecnolóxico e favorecen as relacións entre axentes.
Por último, desenvolverase unha sesión dirixida a introducir técnicas de innovación nas organizacións a través da creatividade. Un representante do proxecto Disonancias, recoñecido pola Comisión Europea como exemplo de boas prácticas no ámbito da creatividade e da Innovación, exporá como a través da colaboración entre artistas e axentes do Sistema de I+D+i se chega a novas e diferentes vías de Innovación.
A
inscrición é
gratuita e para facelo, pinche
aquí.